Unha vez rematados os exames, algúns alumnos e alumnas de terceiro da ESO aproveitaron as clases de matemáticas para repasar xeometría dun xeito práctico.

Partindo do desenvolvemento plano dos cinco poliedros regulares, xeraron as volumetrías dun tetraedro (4 caras), un hexaedro ou cubo (6 caras), un octaedro (8 caras), un dodecaedro (12 caras) e dous icosaedros de distintos tamaños (20 caras).

Primeiro debuxaron, paso por paso, o desenvolvemento de cada un dos poliedros no revés das cartulinas e, despois, coidadosamente, foron recortándoos e pegándoos, dándolles así a súa forma definitiva.

Damos as gracias ás profesoras e aos profesores de Infantil e Primaria, que nos prestaron o material para poder pegar estas cartulinas tan psicodélicas, non foi doado!

Ao final colléronlles agarimo aos icosaedros e, facendo outro moi pequeniño e con dous ortoedros sinxelos, crearon un caracol xeométrico chamado Phil.

Escribe un comentario



Últimas Noticias