O pasado día 23 de maio, os alumnos e alumnas de 2º e 4º da ESO visitamos a cidade de Santiago de Compostela e a súa catedral. Foi unha visita moi completa e que aproveitamos ó máximo.

Coa axuda de Sonia, a nosa guía, fixemos un percorrido por todas as fachadas da catedral coñecendo, así, un pouco da súa historia (Praza do Obradoiro, da Quintana, Azabachería e Praterías) e os diferentes períodos nos que foron feitas.

Logo visitamos o seu interior e, por fin!, chegou o momento de visitar o gran tesouro: O Pórtico da Gloria e a súa magnífica restauración, levada a cabo entre os anos 2008 e 2018. Foi todo un privilexio do que puidemos desfrutar nunha visita privada.

No Pórtico da Gloria, o Mestre Mateo desenvolveu un complexo programa iconográfico de contido apocalíptico e salvífico centrado na visión da Xerusalén celeste. A Gloria do tímpano central está presidida pola imaxe de Cristo en Maxestade, rodeado polos 4 evanxelistas e o grupo de benaventurados. Na parte inferior, represéntanse os anxos con instrumentos da Paixón e, na arquivolta, vintecatro anciáns afinan os seus instrumentos para tocar música celestial.

Despois do impacto visual da obra do Mestre Mateo, que non podemos compartir convosco debido á imposibilidade de tomar fotografías, desfrutamos doutro: as vistas dende o balcón do Museo, cunha visual impresionante da Praza do Obradoiro.

Enchidos xa de arte, os nosos estómagos precisaban reforzos e fomos acollidos con todo agarimo polo Colexio La Salle, que nos abriu as súas portas para o xantar. Grazas á Dirección e ao Equipo Educativo do Colexio La Salle, grazas tamén ao APA do Colexio Montegrande por financiar boa parte desta viaxe e a Sonia polas súas explicacións.

Excelente xornada! E aínda por riba saíu o sol!!

Escribe un comentario



Últimas Noticias